POLO DE TECNOLOXÍAS CUÁNTICAS
OBXECTIVO:
A iniciativa do Polo de Tecnoloxías Cuánticas nace co ambicioso obxectivo de posicionar a Galicia como un referente en tecnoloxías cuánticas en 2030.
Descarga aquí a Presentación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia
Aquí podes ver os vídeos do Acto de presentación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia
As tecnoloxías cuánticas, e especificamente a computación e as comunicacións cuánticas, forman parte das tecnoloxías emerxentes e disruptivas cunha evolución moi rápida e con moitas alternativas diferentes (qubits superconductores, ións atrapados, átomos neutros, etc.), sen que ningunha teña alcanzado unha posición dominante cara ao futuro. Por ese motivo, é importante maximizar o número de tecnoloxías de computación cuántica dispoñibles na infraestrutura.
Os resultados que se pretenden conseguir con esta primeira actuación son:
– Despregar as infraestruturas mínimas necesarias para a creación do Polo de I+D+i en tecnoloxías cuánticas da información, combinando varias delas e dando como resultado o posicionamento de Galicia nunha situación de liderado nesta tecnoloxía disruptiva.
– Posicionar ao tecido de investigación, tecnolóxico e produtivo de Galicia na vangarda desta tecnoloxía innovadora e de grande futuro, o que facilitará o acceso a novos proxectos nacionais e internacionais punteiros e a creación de novos produtos e servizos innovadores.
– Facilitar unha mellor recuperación da crise conseguindo un efecto duradeiro na transición dixital e na competitividade das empresas da rexión e o mantemento do emprego de alta cualificación.
– Apoiar a transición dixital dos sectores produtivos e de coñecemento galegos e, en concreto, servir de panca ás estratexias con compoñentes dixitais que xa están implementadas e que demandan unha evolución tecnolóxica.
ACTIVIDADES
Actividade 1. Infraestruturas de tecnoloxías cuánticas da información
Para isto, Polo de Tecnoloxías Cuánticas despregará unha infraestrutura composta de varios subsistemas incluíndo:
– Un Simulador Clásico de Algoritmos Cuánticos: Trátase dunha infraestrutura de simulación de algoritmos cuánticos composta dun computador clásico deseñado especificamente para a emulación dos computadores cuánticos e un software adaptado á mesma.
– Un computador cuántico: Será un computador cuántico baseado en tecnoloxía europea. A súa capacidade, debido á rápida evolución dos sistemas existentes, estímase que estará entre 20 e 100 cubits.
– Un Sistema de Computación de Altas Prestacións (HPC) e de Almacenamento, exclusivo para computación cuántica: Estes sistemas da infraestrutura de tecnoloxías cuánticas terá unha configuración similar á dun supercomputador clásico. Estará composta de varios nodos de computación, comunicados por unha rede de baixa latencia entre eles, e con enlaces de comunicacións directo aos dos sistemas anteriores.
– Un frontal de acceso que facilite a súa utilización polas diferentes empresas, entidades e grupos de investigación.
O obxectivo destas infraestruturas é permitir o desenvolvemento de algoritmos e aplicacións reais que empreguen computación cuántica nativa ou ben unha computación mixta ou híbrida, onde parte do algoritmo é clásico e outra parte é cuántico. Tamén poderá empregarse no desenvolvemento de algoritmos clásicos de inspiración cuántica. As infraestruturas contarán, ademais, cunha capacidade suficiente para almacenar os datos dos resultados das execucións dos diferentes experimentos que permitan a súa análise posterior.
Actividade 2: Proxectos de I+D+I asociados ás tecnoloxías cuánticas para apoiar a transición dixital.
Esta actividade está centrada fundamentalmente na realización de proxectos de investigación e innovación que permitan a transición dixital ao través do emprego das tecnoloxías cuánticas despregadas na actividade 1. Estes proxectos de I+D+I estarán centrados en:
– Mellora e integración das infraestruturas despregadas na Actividade 1.
– Casos de uso de interese nos sectores estratéxicos de Galicia ou noutros sectores onde a aplicación das tecnoloxías cuánticas puideran amosar unha vantaxe fronte ao emprego das técnicas clásicas.
– Desenvolvemento dun conxunto de programas de avaliación do software e hardware cuántico (benchmarks).
Actividade 3: Plan de implantación
Para garantir a evolución futura do programa e a súa sostenbilidade, faranse estudos de:
– Plan de tecnoloxías cuánticas que avalíe a contorna internacional e nacional,
– Estudos de demanda,
– Estudos de observación tecnolóxica.
Actividade 4: Accións de comunicación, difusión e formación
Despregarase unha serie de accións de comunicación, difusión e formación vinculada á utilización das infraestruturas despregadas cos seguintes obxectivos:
– Dar a coñecer o convenio e a importancia das tecnoloxías cuánticas tanto á comunidade investigadora dos Sistema Universitario de Galicia, centros de investigación e empresas como á sociedade en xeral.
– Formar aos usuarios nas infraestruturas despregadas para o seu uso eficiente.
AVANCE
En 2021:
– Despregada a primeira infraestructura cuántica: un Xerador Cuántico de Números Aleatorios.
– Terminado o Plan de Tecnoloxías Cuánticas.
Descarga aquí a Presentación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia
Aquí podes ver os vídeos do Acto de presentación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia
En 2022:
– Publicación o 8 de xullo de 2022 do concurso público CTS-2022-0005: Subministración dunha infraestrutura baseada en tecnoloxías cuánticas da información susceptible de financiamento pola Unión Europea no marco do Eixo REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.
– Apertura do sobre A do concurso citado, o 11 de agosto de 2022.
– Contratación do persoal adicional previsto no convenio, que se incorporaron ao CESGA entre o 21 de marzo e o 7 de xuño.
– Contratación en novembro de 2022 de dúas subcontracións de investigación en benchmarking e interfaces de acceso.
– Presentación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas o 15 de xullo de 2022.