Plan de Igualdade
O Centro de Supercomputación de Galicia constitúe un axente clave do sistema de I+D+i de Galicia, tendo sido recoñecido como Instalación Científico-Técnica Singular. A importante actividade da institución non se centrou só en proporcionar apoio a outras entidades, senón que tamén desenvolveu unha intensa actividade investigadora e de colaboración con outros axentes do sistema científico-tecnolóxico.
O camiño iniciado polo CESGA coa elaboración deste plan de igualdade vai en clara coherencia co marco político-normativo en materia de I+D+i. En primeiro lugar, tanto as institucións europeas coma as estatais e autonómicas demostraron un claro interés por visibilizar a pervivencia de desiguandades de xénero neste eido. Os múltiples diagnósticos realizados puxeron de manifesto a desigual situación das mulleres na devandita área. Así, fenómenos como a segregación horizontal, a segregación vertical ou a “fuga de canos” -perda de mulleres ó longo da carreira científica- foron detectados nos máis variados contextos. En segundo lugar, a identificación da desigualdade de xénero derivou na inclusión da igualdade como un obxectivo transversal das políticas científico-tecnolóxicas. Para isto, estableceuse tanto en plans de actuación como en normas de diversos niveis de goberno a necesidade de corrixir a infrarrepresentación das mulleres e de acadar un sistema de I+D+i plenamente igualitario.
Por outro lado, o marco normativo referido á igualdade no ámbito laboral tamén sufriu profundas modificacións. Non só se regularon aspectos específicos como a discriminación ou o acoso por razón de xénero, senón que se promoveu o emprego de novas ferramentas por parte das organizacións. Neste sentido, a realización dun plan de igualdade por parte do CESGA permitirá dar cumprimento a unha norma clave como é a Lei 2/2007 de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, a cal establece no seu artigo 11 que as fundacións do sector público autonómico teñen a obriga de elaborar un plan en materia de igualdade de xénero.
Esta confluencia de factores, xunto co interés das persoas que forman a propia organización, permitiu iniciar o camiño para converter a igualdade de xénero no obxectivo transversal do CESGA. O primeiro paso para lograr o antedito fin consistiu na elaboración dun diagnóstico que permita realizar unha fotografía da situación de partida. Deste xeito, a primeira parte do documento presenta unha análise do estado da organización no tocante á igualdade de mulleres e homes. Adopta unha perspectiva ampla pola cal non só se analiza a situación do persoal da organización, senón tamén outro tipo de aspectos relacionados coa imaxe, as actividades ou as metas da mesma. Proporciona así unha visión completa sobre a situación do CESGA respecto da igualdade de xénero.
A segunda parte do texto recolle as principais conclusións de diagnóstico e formula un conxunto de medidas e obxectivos dirixidos a abordar aqueles eidos nos cales a situación de desigualdade resulta máis relevante. Con isto dáse forma ó I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do CESGA, documento que propón unha ampla estratexia de actuación para fomentar a igualdade de maneira transversal no funcionamento da organización durante os 4 vindeiros anos.
Plan de Igualdade CESGA
1 file(s) 297.54 KBProtocolo de Prevención e Actuación
1 file(s) 265.87 KBSubvencionado por: